1984-2009

Breve Historia da Copa Miño (1984-2009)

A Copa Miño tamén chamada Descenso Internacional do Miño en Lugo, que o 16 de maio do 2009 acadou a súa edición número 53, é unha das regatas de piragüismo con máis sona e tradición das que se celebran no territorio nacional, a excepción do Descenso Internacional do Sella, que está considerada coma a proba máis antiga. Desde os seus comezos, un 12 de outubro de 1951, a Copa Miño, espertou un gran interese entre a cidadanía luguesa, de forma que contribuíu á difusión e popularización deste deporte na cidade amurallada, á que non se lle discute a súa condición de berce do piragüismo galego. A Copa Miño, foi a chama na que se coceron as distintas xeracións do piragüismo lugués e tamén o alicerce dunha crecente tradición e afición que segue a medrar da man dos éxitos dos seus deportistas locais.
O treito do cauce medio do Miño que discorre entre a ponte de Rábade e as inmediacións da sede do Club Fluvial de Lugo, un trazado duns 17,5 quilómetros de distancia, foi o escenario no que milleiros de padeeiros deron vida á Copa Miño neste xa máis de medio século de historia. Esta proba, hoxe senlleira, naceu vencellada ás patronais na honra de San Froilán, tanto pola data de celebración das súas primeiras edicións coma pola implicación das distintas comisións de festas na súa organización. A posterior desparición do apoio desta comitiva e as limitacións orzamentarias foron factores determinantes para que non se celebrara a Copa Miño entre 1957 e 1962, un sexenio escuro ao que lle poría fin a Federación Lucense de Piragüismo, que se responsabilizou no ano 1963 da organización da séptima edición dunha cita deportiva que xa non voltaría a atopar atrancos para a súa continuidade, grazas ao respaldo social e ao apoio financeiro das entidades locais. Nesta segunda etapa, a Copa Miño mudou a súa celebración no San Froilán para o Corpus, outra data salientable no calendario de efemérides da cidade sacramental e con climatoloxía máis amiga.
Pasados xa 58 anos daquela primeira edición da Copa Miño, e nunha ollada retrospectiva, apoiada sempre no legado escrito deixado polo árbitro internacional lugués Jacinto Regueira Alonso, que tamén formou parte do primeiro comité impulsor deste evento, a historia da Copa Miño rescata para a actualidade moreas de nomes, lembranzas e imaxes sempre ligadas á sensación de éxito que dan as victorias e con ellas a pervivencia histórica.
José Álvarez Celeiro e Antonio Moreira, do Peña Trevinca, encetaron en 1951 o podio absoluto da Copa Miño de K-2, mentras que Demetrio, un padeeiro do Fluvial de Monforte que gañou a proba de k-1, que non voltaría a ter campión ata 1955 e fíxoo da man de José Pérez, do Fluvial de Lugo. Antes, en 1952, José e seu irmán Gerardo Pérez xa conquistaran a victoria de k-2, unha modalidade na que triunfarían ao ano seguinte Mario e Emilio García Blanco, do Grupo de Cultura Covadonga. Moisés Morán e Enrique Barro, de Villaviciosa, gañaron en 1955 a regata de K-2, na que logo triunfarían Tino Lorenzo e Ángel Baldés, tamén do Grupo de Cultura Covadonga, mentras que o tamén asturiano Manuel Álvarez gañaría a proba de k-1.
Luis Cueto e Benito Rodríguez, de Avilés, prolongaron en 1963 o dominio asturiano na k-2 da Copa Miño, na que Lino Román e Francisco Guerra, do Ensidesa, sucederíanos no podio ao ano seguinte, cando Pedro Cuesta, do Fluvial de Lugo, sumou a súa primeira victoria en k-1, modalidade na que voltaría a impoñerse nas edicións de 1967 e 1970. Os padeeiros de Arriondas Javier Rivas e Juan Montes conquistaron a Copa Miño de K-2 no 1965, cando Antonio Figueroa, do Fluvial de Lugo, gañou a proba de K-1, que na seguinte edición sería dominada por Luis Cueto, que, xunto cos Luis García Blanco, vencedores en k-2, protagonizou un podio asturiano.
Manuel Pérez e Ángel Vilar ‘Chilares’, do Fluvial de Lugo, gañaron o K-2 en 1967 e evitaron que a Copa Miño fuxira de Lugo ese ano, aínda que as parellas avilesinas Ángel González e Antonio Estévanez, José García e Joaquín Fernández, e Luis Cueto e Ramón Fernández, coparían os podios de K-2 nos vindeiros anos, nos que Luis Cueto, Pedro Cuesta gañaron as regatas de k-1.
A década dos anos 70 deu éxitos na Copa Miño para os padeeiro lugueses, sobre todo para Chilares, que sumaría ata 1982 outras nove victorias. Cinco delas foron consecutivas nas regatas de k-1 disputadas entre 1973 e 1977. Antes, no 1971, Chilares e Pedro Cuesta, do Fluvial de Lugo, gañaron xa a regata de K-2, un triunfo que Ángel Vilar reeditaría nos anos 1979, 1981 e 1982 con Alberto Campos, no primeiro caso, e con Francisco Fernández, nos seguintes. O dominio de Chilares alternouse coas exhibicións de Alberto Campos Villarino, que chegaría a sumar 10 victorias na Copa Miño. No 75 e no 76 gañou as regatas de K-2 con José A. Fernández Marzán ‘Mus’ como compañeiro, posto que ocupou José Antonio Mosquera ao ano seguinte. Neste decenio só Luis Cueto e Julio Fernández, do Ensidesa, e Estaban Vicente e Vicente Rasueros, de Salamanca, acadaron sendas victorias en K-2, mentras que José María Corral gañou o k-1 de 1972.
Juan Luis Álvarez, Francisco Labra, de Los Cuervos de Pravia, e Álvaro Dobarro, do Naval de Pontevedra, gañaron o k-2 e o K-1 da Copa Miño en 1978. Juan Carlos de Ana venceu na proba de k-1 do 79 e, un ano despois sumou con José Luis Álvarez, a victoria en k-2, o que permitiu a Ángel Dobarro repetir éxito na modalidade individual. Luis Gregorio Ramos Misioné escribiría o seu anaco de historia na Copa Miño no ano 1981, cando gañou a regata de K-1. Francisco Fernández Piñeiro, José María Fernández Villamiel, Carlos Herrador, Miguel Blanco, Luis González e Manuel Vara alternaríanse logo no podrio da regata individual da Copa Miño nesta década, na que, xunto á parella Ramón Busto e Carlos Cambiella, que gañara o K-2 en 1987, foron os únicos padeeiros capaces de disputarlles as victorias a Chilares e aos irmáns Campos Villarino.
Os noventa foi tamén a época dourada de Modesto Teijeiro Valledor, que xa gañara con Chilares o k-2 nas edicións de 1988 e 1990. Nos dous anos seguintes, Tito Valledor impúxose nas regatas de k-1 da Copa Miño, na que aínda voltaría a sumar novos éxitos xa en K-2, entre 1995 e 1997, con Paco Vázquez e Marcos Meilán como compañeiros. Vicente Llerandi e Emilio Ardines, de Cangas de Onís, vencedores do K-2 en 1991, e Ulises Diéguez, Eduardo González Alonso, Francisco Álvarez Alonso e Miguel Blanco López gañaron nesta época as probas de k-1 ata 1997. Logo, Alberto Sánchez e Paco Vázquez impuxéronse no K-2 da Copa Miño en 1998 e 1999, mentras que José Jubón e José Ramón Carral fixeron o propio na regata de k-1.
Andés Cangas e Alberto Peiteado, do Oviedo Kayak, gañaron o K-2 da Copa Miño no 2000, cando Bernardo Sánchez Ouro acadou a primeira das súas tres victorias na Copa Miño. O primeiro triunfo foi na regata de k-1, que volvería a gañar ao ano seguinte, mentras que no 2002 triunfaría no k-2, con Antonio Polo. Asemade, os asturianos Óscar Casero e Luis Martínez gañaron o K-2 en 2001.
Este baile de nomes no máis alto do podio da Copa Miño remataría a partir de entón, que foi cando apareceu o nome de Jesús Rodríguez León, gañador da Copa Miño de k-1 entre o 2002 e o 2005 e tamén no trienio 2007-2009. O reinado deste padeeiro do Barco de Valdeorras tan só foi truncado por Federico Vega, do Piragüismo Astur, en 2006. Unha realidade semellante foi a que tivo lugar na competición de k-2, na que Paco Vázquez, primeiro con Carlos Pedreira e logo con Antonio Campelo sumou tres victorias entre 2003 e 2005, data a partir da que Manuel Busto e Oier Aizpurúa comezaron a colleitar triunfos de xeito consecutivo ata a edición celebrada o pasado ano.