Brais e Iván Bargados, rumbo ao Mundial de Maratón en Arxentina
Os nosos padexeiros Brais e Iván Bargados afrontan unha nova cita internacional: o Campionato do Mundo de Maratón de Gualeguaychú, en Arxentina. Convocados pola Real Federación Española de Piragüismo, competirán xuntos na modalidade de K2 Júnior o domingo 25 de outubro.
O desprazamento está previsto para este martes, 20 de outubro, para incorporarse á selección e completar a preparación antes da regata. Nos últimos días compartimos nas nosas redes os seus adestramentos e a posta a punto para esta cita, froito do traballo e da constancia de toda a tempada.
Desde o club tamén lles dedicamos un vídeo que percorre adestramentos, competicións e momentos compartidos. Unha maneira de facerlles chegar o apoio de toda a familia do Cidade de Lugo antes de poñer rumbo ao Mundial.
É unha alegría ver a Brais e Iván levar a súa ilusión e o seu esforzo a unha competición deste nivel. Moita forza aos dous e a gozar da experiencia!
Podes consultar o anuncio da convocatoria e ver o vídeo de apoio do club nas nosas redes sociais.
