A COPA MIÑO PROTAGONIZARA O FIN DE SEMANA

O domingo día 08 de maio a partir das 17.00 horas dispútase en augas lucenses a LV edición do Descenso Internacional do Miño – Copa Miño, a segunda regata máis lonxeva de entre todas as que se levan a cabo en España, atan só superada polo Descenso do Sella. A competición está organizada por segundo ano consecutivo polo clube Cidade de Lugo.

Nesta ocasión están establecidos dous puntos de saída: Rábade para os K-1 e K-2 senior e xuvenís, que terán que percorrer 17 kilómetros e Ombreiro para os canoistas de todas as categorías e os kaiakistas cadetes. A chegada estará establecida moi preto da cidade amurallada, no complexo Os Robles, o que implica que será un percorrido moi vistoso e con certo grao de dificultade. O número de padexeiros inscritos ronda os 300, con algún procedente de outras comunidades autónomas, como Asturias.

Entre os favoritos atópanse a parella que gañou en K-2 senior o ano pasado, Carlos Pedreira e Antonio Polo (Grupo Xuvenil) ou Jesús Rodríguez (O Barco), que levou o ouro en K-1. Por outra banda, tamén haberá algunha ausencia destacada, como a lucense Tania Fernández que gañaba entres as féminas senior na pasada edicion.