I COPA DEPUTACIÓN DE PIRAGÜISMO

ANTÓN BAO ANUNCIA QUE A ÁREA DE DEPORTES PORÁ EN MARCHA A

I COPA DEPUTACIÓN DE PIRAGÜISMO

“Despois de 7 anos, volvemos contar cunha proba que implica aos clubs lucenses, o
que é unha boa noticia para o noso piragüismo” afirmou Bao

Os clubs Altruán de Ribadeo, Club de Piragüismo de San Cibrao, Kaiak Foz, Club de
Piragüismo de Viveiro, Club de Piragüismo Cidade de Lugo e Club Fluvial de Lugo
participarán na competición e organizarán as probas

LUGO, 17 de febreiro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao,
presentou esta mañá no salón de actos do pazo de San Marcos a I Copa Deputación de
Piragüismo, na que participarán seis clubs lucenses e que se disputará ao longo de
varias probas entre os meses de abril e outubro. Na presentación desta proba,
amparada economicamente pola Área de Deportes da Deputación, participaron tamén o
presidente da Federación Galega de Piragüismo, Xosé Alfredo Bea García, e mailo seu
delegado en Lugo, Martín Carballo Méndez. Unha vez realizada a presentación da
proba, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, así como o presidente da
Federación Galega de Piragüismo, asinaron o convenio mediante o cal a Deputación de
Lugo compromete a súa axuda económica para a posta en marcha da I Copa Deputación de
Piragüismo e a outra parte correrá coa organización. O regulamento oficial desta
competición estará dispoñíbel mañá na páxina web da Vicepresidencia 1ª da Deputación
www.v1deputacionlugo.org no apartado “documentación”.

Na súa intervención, Antón Bao destacou que “despois de 7 anos, volvemos contar
cunha proba que implica aos clubs lucenses, o que é unha boa noticia para o noso
piragüismo”. Bao lembrou que desde a chegada ao goberno da Deputación, un dos
obxectivos que se estabeleceron desde a súa Área de Deportes foi “a revitalización
dun deporte histórico en Lugo, como o piragüismo, comezando por volver a poñer en
marcha a escola de Piragüismo que se atopaba en estado de abandono”. Deste xeito, o
vicepresidente continuou explicando que “agora os esforzos centráronse en apoiar aos
clubs lucenses de piragüismo, auténtico motor do deporte, a través da mediación da
Federación Galega de Piragüismo, para organizar esta competición que hoxe se
presenta, a I Copa Deputación de Lugo de Piragüismo” e que “agardemos que sexa un
primeiro paso de cara ao futuro para que o piragüismo goce en Lugo da saúde que
merece”.